Close
Close

Liñas estratéxicas

Estas liñas estratéxicas son unha ferramenta. Necesitamos anticipar discusións que se poden dar en Galiza Ano Cero a curto e medio prazo, por un lado, e asegurarnos, polo outro, de que a imaxinación colectiva vaia callando nun marco de convivencia e cooperación. A iso responde este documento, que someteremos a debate e votación en cada asemblea e que está aberto, dende xa mesmo, ás túas contribucións:

 

Que é Galiza Ano Cero?

Un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.

Unha comunidade aberta. Unha rede de grupos de traballo que poñen en común ideas, afectos e man de obra para construír unha ferramenta, non unha mercadoría. Calquera pode entrar e saír. Calquera pode facerse oír e traballar. Será o que todas queiramos que sexa.

Unha organización borrosa con instancias desencaixadas pero solidarias entre si. Unha asemblea de socias e socios, unha serie de grupos de traballo abertos e autónomos e unha comunidade virtual arredor do web. Un experimento de ecoloxía organizativa.

Un banco de horas administrado colectivamente pola comunidade. Unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera.

Unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión, autofinanciada mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera.

Un portal web (www.galizaanocero.tv) e unha constelación de redes sociais. Un obradoiro coas paredes de cristal no que a comunidade e o canal se expresan, traballan e escoitan, á vista de calquera. Nada que ocultar.

 

Que se propón Galiza Ano Cero?

Producir televisión dende abaixo á esquerda e de maneira horizontal, transparente e cooperativa, sen ánimo de lucro e baixo licenzas libres.

Construír democracia, xeralizar o disenso e visibilizar a diferenza.

Contribuír á circulación de ideas para a renovación das esquerdas política e social.

Abrir espazos para a comunicación comunitaria, desocupar a representación, combater a ideoloxía dominante e construír outro sentido común.

Promover o uso do galego, lingua oficial de Galiza Ano Cero, sen que iso impida que as persoas que participan nos programas se poidan expresar noutros idiomas nin ser obstáculo para a redifusión de contidos en linguas distintas do galego ou o subtitulado das nosas.

Procurar a converxencia e cooperación con movementos sociais, así como con colectivos que traballan na democratización da información e realicen a súa actividade en código aberto e con licenzas libres.

 

Cales son os focos e as prioridades de Galiza Ano Cero?

Apostamos por contidos e formatos que contribúan á transformación da sociedade e promovan a autonomía, o código aberto, a lingua galega e as licenzas libres.

O diálogo e a palabra terán un espazo preferente, como ferramentas que son para a circulación e a produción de ideas para a renovación dos discursos da esquerda.

Terán cabida formatos e formas radicais, pois temos como obxectivo, de xeito modesto e progresivo, alentar a procura de novas linguaxes, facilitar a súa exploración, incorporar formas orixinais que permitan expresar contidos transformadores e contribuír ao cuestionamento dos dispositivos e modelos (televisivos, audiovisuais, comunicativos) hexemónicos.

Estimularemos a reapropiación de códigos e a reciclaxe de imaxes.

Procuraremos darlle acubillo á ciencia, o pensamento crítico, a conservación do planeta, as culturas non visibilizadas, a acción e a organización políticas, os feminismos e os movementos sociais e cívicos.

Trataremos de combinar a produción de contidos para a rede con iniciativas que permitan o seu consumo colectivo e con sentido.

 

Cales son os límites que non queremos rebordar?

A discriminación de calquera clase.

As prácticas que redunden na privatización do coñecemento.

Os modos de produción non horizontais nin cooperativos.

As formas de financiamento que poñan en risco os principios expresados nestas liñas estratéxicas e nos estatutos de Galiza Ano Cero.

 

Como queremos que se financien o canal e os programas e como imos garantir a participación?

Procuraremos crear as condicións para que a iniciativa na creación de novos programas e espazos proceda da comunidade.

Construiremos o canal e os seus dispositivos para que funcionen como caixa de resonancia, de modo que as novas ideas se constrúan, melloren e concreten de maneira cooperativa.

Aspiramos a ser a nosa propia plataforma de microfinanciamento, tanto para o canal como para cada un dos programas que se inclúan na grella.

A comunidade debe ser a principal fonte de financiamento a través de doazóns e a posta en común de recursos.

Aceptaremos subvencións, sempre que se axusten aos obxectivos do canal e que poidamos garantir un uso responsábel dos fondos públicos.

Aceptaremos publicidade, preferentemente a que veña do terceiro sector, sempre que non atente contra os principios do proxecto nin comprometa a nosa independencia.

Esforzarémonos por facer de Galiza Ano Cero unha comunidade de comunidades, unha organización imperfecta e borrosa, con instancias desencaixadas pero solidarias entre si: a asemblea de socias e socios, os grupos de traballo e a comunidade virtual arredor do web.

Para facilitar a desterritorialización do traballo, empregaremos ferramentas dixitais para a organización, pero intentaremos combinalas con sesións presenciais. Cómpre verse e tocarse.

 

Como e cando renovaremos estas liñas estratéxicas?

Estas liñas estratéxicas deben ser públicas e estarán en permanente discusión nun proceso no que pode participar calquera das instancias recoñecidas no proxecto.

A aprobación destas liñas correspóndelle á asemblea de socias e socios.

Este documento deberá someterse a discusión e referendo, como mínimo, cada seis meses, ou cando así o decida a asemblea.

 
Estas liñas estratéxicas foron elaboradas por un grupo de traballo aberto e melloradas e aprobadas pola asemblea xeral de socixs de Galiza Ano Cero o 15 de setembro de 2013.

Últimos chíos

Feito dende e

Reply Retweet Favorite

O Centro Cultural e Veciñal Valladares (Vigo) organizan os vindeiros días 22, 23 e 24 de setembro o festival de cul… https://t.co/QwRYyAMwXu

Reply Retweet Favorite
Fai unha doazón Colabora con Galiza Ano Cero

0,90€

Doar

Ti escolles: fai unha microdoazón de 0,90€ ou escribe a cantidade e fai clic en doar.